Newsletter

Boletín de BeWelcome de maio de 2025

Ola anonymous, 

 

A principal tempada de viaxes comezou, e esperamos que poidas gozala con BeWelcome. Se non viaxas, quizá poidas facelo acollendo a quen si o fai na túa casa. Sabemos que corren tempos difíciles e que parece que a sociedade se pecha en banda. Pero BeWelcome segue defendendo a hospitalidade, a igualdade, o respecto e a acollida gratuíta. Neste boletín compartimos a experiencia de hospitalidade de Marc e Cristina, e consellos para crear a túa propia. Goza da lectura.

 

Índice de contidos:

  • Viaxar como forma de vida con Marc e Cristina en BeWelcome
  • Consellos e trucos para termos unha mellor experiencia con BeWelcome
  • Axúdanos a nós e ao voluntariado de BeWelcome

Viaxar como forma de vida con Marc e Cristina en BeWelcome!

 

Para algunhas das persoas membro de BeWelcome, viaxar non son vacacións, senón toda unha forma de vida. É o caso de Marc e Cristina, unha parella de Barcelona. A última das súas viaxes de longa duración, completada o ano pasado: facer dedo de Barcelona a Omán!
"Sempre viaxamos coa nosa tenda de campaña", di Marc, "porque a acampada libre dános moita flexibilidade. Pero encántanos o autostop e as redes de hospitalidade, coñecemos tanta xente estupenda dese xeito!"

Atoparon anfitrións en todos os países que atravesaron. Preocupáballes Turquía, porque era inverno e facía moito frío para acampar, pero atoparon hospedaxe cada noite: ben a través dunha rede de hospitalidade —utilizan BeWelcome e Couchsurfing—, ben a través de xente que os levou en coche!

Cuestionáronse tamén sobre Omán, porque era difícil atopar información fiable sobre facer autostop e acampar alí. Pero ambas cousas resultaron finalmente moi fáciles, proporcionándolles algunhas das súas mellores experiencias: tanto que pasaron 2 meses no país! "A xente era moi acolledora", di Marc, "e acampar é tradicional no deserto, así que axuda a crear conexións coa xente".

Agora Marc e Cristina están de volta en España, traballando para gañar algo de diñeiro para a súa próxima viaxe... África Occidental é o próximo obxectivo! Para saber máis sobre as súas viaxes, podes botar unha ollada á súa canle de Youtube:  “locatis pel món”.

 

Embedded image

Arriba á esquerda: Marc e Cristina. Arriba á dereita: Comida social con anfitrións e amigos. Abaixo: viaxes por estrada con anfitrións e autostop.

Se queres compartir a túa propia experiencia de hospedaxe con BeWelcome, lembra facer unhas bonitas fotos coas persoas que te aloxen e que convides! Se estás en Instagram, non dubides en engadir o cancelo #bewelcome ou incluír o noso perfil de Instagram  @bewelcome.

 

Consellos e trucos para termos unha mellor experiencia con BeWelcome

 

  • Unha foto de perfil de boa calidade na que aparezas e unha descrición individual axudan ás persoas que te hospedan e ás que aloxas a escribir ou aceptar solicitudes. Comproba o teu perfil 
     
  • Non tes por que sentir o apremio de aceptar calquera solicitude, nin sequera as de última hora. Sempre podes pedir máis información antes de tomar unha decisión. Pero animámoste a que respondas a todas as solicitudes lexítimas, aínda que só sexa co botón "Rexeitar". Se consideras que a mensaxe é desapropiada, denúnciaa a BeWelcome.

    Lembra: a hospitalidade é un agasallo que concedes voluntariamente, nunca unha obrigación moral.
     
  • Recibiu a persoa que vai ser a túa hóspede ou anfitrioa potencial algún comentario doutras persoas de BeWelcome no seu perfil? Que din da experiencia con esa persoa? Por suposto, todo o mundo ten que empezar nalgún momento. Entón, como conseguir o teu primeiro comentario? Acolle a alguén, coñece a xente en Actividades ou Viaxes, ou móstralles os arredores.
     
  • Se tes algunha dúbida ou un mal presentimento, entón non hospedes a esta persoa ou non te aloxes con ela, ou termina a experiencia de hospedaxe.
     
  • BeWelcome non verifica os documentos de identidade das persoas membro porque non poderiamos facelo de forma fiable, pero podes pedir que se vexan os documentos de identidade. Con todo, debes acordalo de antemán, xa que non a todo o mundo lle gusta isto.
     
  • Ten coidado coas persoas que che piden inmediatamente comunicar por fóra de BeWelcome: utilizar o sistema de mensaxería de BeWelcome axuda ao noso Equipo de Seguridade a avisarche no caso de que teña coñecemento dalgún problema con esa persoa membro.
     
  • Se tes que saír, podes pedir ás persoas que teñas aloxadas que saian contigo e queden fóra ata que volvas, a menos que realmente confíes nelas. Nunca debes sentirte na obriga de entregar a túa chave.
     
  • Informa dos problemas ao Equipo de Seguridade ou escribe un comentario no perfil canto antes.

 

Axúdanos a nós e ao voluntariado de BeWelcome

 

Temos moito aprecio por todo o voluntariado que nos axuda a manter Bewelcome en funcionamento.

Hai varios grupos de voluntariado dedicados a tarefas específicas: se tes tempo e habilidades para facer voluntariado, consúltaos aquí!

Se dubidas "onde unirte", podes unirte ao grupo xeral de voluntariado de BeWelcome.

Se non tes tempo, tamén podes axudarnos a pagar os custos do servidor:

Doa


Desexámosche unha boa tempada de viaxes, e encontros marabillosos!

Grazas por lernos,


O equipo de comunicación